Thursday 28 de March de 2024

Trenor visita ao alumnado do obradoiro Brañas do Illó-Río Samo IV, que desenvolven conxuntamente Frades, Mesía e Ordes


Os alcaldes interesáronse pola adxudicación da quinta edición deste obradoiro, decisión que se coñecerá nun par de semanas

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polos alcaldes de Frades, Roberto Rey, e Ordes, José Luis Martínez, e a tenente de alcalde de Mesía, Pilar Sánchez Ulloa, visitaron esta mañá ao alumnado do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo IV. Trátase dun taller de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e en Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas que se está a desenvolver en colaboración cos concellos de Frades, Mesía e Ordes.

Este programa conta cun apoio da Xunta de 346.000 euros, financiados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e permite formar a 20 persoas desempregadas. Trenor explicou a gran utilidade deste tipo de formación porque, ademais de mellorar as capacidades para que os desempregados atopen un emprego, complementase con traballos nos concellos e con prácticas nas empresas da contorna.

No caso de Frades, este obradoiro permitiu realizar traballos de roza manual, mantemento das áreas recreativas municipais, plantación de novas árbores autóctonas e aplicación de tratamentos fitosanitarios nalgunhas parcelas. Entre outras áreas, actuouse nas áreas recreativas de Ponte Carballa (Abellá), Os Pasos (Aiazo), A Presa (Gafoi), San Nicolau (Mesos) e O Muiño (Céltigos), así como o punto limpo de Frades-Mesía, as prazas municipais de Moar, Papucín e Ponte Carreira, entre outras, e a piscina municipal de Frades, onde hoxe estaban rematando de instalar céspede artificial a carón da piscina de chapoteo para facer un espazo pechado de xogo para os máis pequenos.

Compromiso

Trenor destacou o compromiso dos concellos de Frades, Ordes e Mesía coa empregabilidade porque levan anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e conseguen importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afronta. Neste sentido, agardou ter boas novas nun par de semanas sobre a petición conxunta dos tres concellos dun quinto obradoiro.

Frades, Mesía e Ordes solicitáronlle á Xunta unha subvención de 503.000 euros para o desenvolvemento deste quinto obradoiro “Brañas do Illó-Río Samo V”, que formaría a 20 persoas desempregadas, durante 9 meses e outros 3 de prácticas en empresas, nas modalidades de repoboacións forestais, tratamentos silvícolas e actividades auxiliares de conservación e mellora do monte. O proxecto conta cun orzamento inicial de 570.000 euros, dos que algo máis de 66.000 euros serán achegados polos tres concellos participantes.

Satisfacción dos Concellos

O alcalde de Frades, Roberto Rey, agradeceu a colaboración tanto da Xunta como dos concellos de Mesía e Ordes nestes catro obradoiros realizados pois “ademais de ser unha axuda á integración laboral de persoas desempregadas, aos que desexamos que poidan atopar unha ocupación cando rematen este programa, tamén é unha forma de acometer pequenas obras de mantemento que aos pequenos concellos do rural nos veñen moi ben”.

Pola súa banda, Pilar Sánchez desculpou a ausencia do alcalde, Mariano Iglesias, e asegurou que “os obradoiros de emprego son unha boa causa, de feito hai moitas mulleres aquí que volven incorporarse ao mundo laboral grazas a eles. Penso que son unha boa idea da Xunta para que estas mulleres do rural poidan ter unha formación e para que outras persoas que levan moito tempo no paro ou que non teñen unha formación axeitada, poidan atopar unha solución”. Sánchez Ulloa estivo acompañada polo concelleiro de Mesía, José Manuel Blanco López.

Finalmente, o alcalde de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo, agradeceu as achegas da Xunta e asegurou que “aspiramos a poder ter esa quinta edición e así ter unha continuidade neste proxecto. Unha quinta e que despois poidamos aspirar a máis. E tamén agradecer todo o labor que fixo o alumnado desta cuarta edición no noso concello nas diferentes áreas e espazos”.

Obradoiros na comarca de Santiago

O delegado da Xunta apuntou que “unha das apostas máis importantes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas, o que permite unha posterior integración laboral máis alta”. Ademais, engadiu que “outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo”.

Trenor destacou que na comarca de Santiago estanse a desenvolver 10 obradoiros de emprego, para os que a Xunta reserva 3,5 millóns de euros para mellorar a formación de 184 desempregados.

Entre outras accións máis importantes da Xunta, que tamén se desenvolven na contorna desta comarca, destacan as Accións Formativas para Desempregados (AFD), que este ano contan con 79 cursos nesta área e cun investimento de máis de 2,8 millóns de euros para formar a 1.185 alumnos e os sete PIE, (Programas Integrados de Emprego) nos que se están a formar a 700 desempregados cun investimento de máis de 1,1 millóns de euros.

Neste senso, Trenor lembrou que en total a Xunta está a investir na comarca de Santiago 7,4 millóns de euros, en 96 programas de formación para axudar a máis de 2.000 desempregados da comarca para facilitarlles a búsqueda dun emprego cando rematen o seu período formativo e as súas prácticas en empresas.